20 oct 2013

"FUN POLO AIRE E VIN POLO VENTO"

                                                      
                                                        VIAXE A SOTAVENTO

O pasado catro de outubro, os nenos e nenas de sexto de primaria, xunto coas profesoras Edita e Olga, fomos de excursión ao Parque Eólico Experimental de Sotavento no concello de Xermade (Lugo).

Saímos do colexio arredor das nove e chegamos alí sobre as dez; pero valeu a pena a hora de viaxe porque aprendemos moito, por exemplo, a non derrochar a enerxía, como a electricidade ou a auga. Dende o autobús podíamos contemplar todos os muíños eólicos que había ao noso arredor. Parecíannos espectaculares e xa pensabamos o ben que o iamos pasar nesta excursión, e iso que aínda non chegaramos.

Ao chegar alí, vimos un montón de cataventos e unha silueta metálica de Don Quijote e Sancho Panza. Recibíronnos dous homes moi amables e simpáticos, Miguel e David, que nos levaron ao edificio central para deixar as nosas cousas no comedor. A continuación, sentamos todos xuntos nunhas escaleiras mentres nos explicaban o que iamos facer. David sería o encargado de ensinarnos a casa bioclimática, e Miguel ensinaríanos o edificio de control. Dividíronnos Segundo a nosa clase (A e B). Os nenos e as nenas de 6ºA fomos primeiro con David e os de 6ºB, con Miguel.

A casa bioclimática, que foi o que máis nos gustou, é a envexa dos visitantes: ten varios cuartos e dous baños (un deles sen paredes nin porta); case todos os aparellos electrónicos funcionan cun PDA; usa a auga da chuvia e recicla a da ducha; as paredes abren e cerran e pódese ver todas as habitacións desde un punto... Como vedes, a casa non só é unha vivenda ecolóxica que utiliza case todas as enerxías renovables, que aproveita ao máximo o clima que haxa, que reutiliza a auga..., senón que é supermoderna. Só ten un inconveniente, que custa uns 500.000 €.

No pequeno paseo entre o edificio central e a casa, vimos de cerca moitos aeroxeradores. ¡Unha pasada!


No edificio central, na aula divulgativa, faláronnos das enerxías renovables (eólica, solar, hidráulica, biomasa, xeotérmica e maremotriz); tamén puidemos ver a sala de control con moitos ordenadores e as partes e o funcionamento dun aeroxerador: o vento fai xirar as hélices, que á súa vez fan xirar unhas turbinas que son as encargadas de producir a electricidade. Ademais explicáronnos o funcionamento doutras centrais eléctricas e vimos como unha pequena placa solar prendía unha bombilla, aínda que custou traballo porque as nubes tapaban o Sol.

Despois merendamos na sala onde deixaramos as mochilas, compramos obxectos de recordo na tenda e intercambiamos os postos para que cada grupo puidese ver a parte que lle faltaba. Pero antes, ensináronnos un coche eléctrico que consume moi pouco e non fai ruído.

Por último, fixemos un pasapalabra con preguntas sobre Sotavento; repartíronnos agasallos aos que fomos dando respostas interesantes durante a visita; sacáronnos esta foto colectiva; algúns aínda compramos algo máis na tenda ou na máquina e subimos ao autobús, onde cantamos, falamos, xogamos...

Chegamos ao colexio ás dúas, xusto a tempo para marchar para a casa. ¡Foi unha viaxe xenial!

ALUMNOS DE 6º a