17 ene 2013

A NOSA SANTA COMPAÑA

(Imaxe baixada de internet)



Aquí tedes unha lenda moi popular da cultura tradicional galega. Esta é a versión máis coñecida das moitas que existen.




Santa Compaña, Procesión das ánimas, Hoste, Estandiga, Estadea, As da Noite, Antaruxada, Visita, Visión, Xaira, etc. As denominacións varían segundo a zona xeográfica. A Compaña pode ser moitas cousas, pero santa… abofé que non. A súa orixe é pagá (non relixiosa), pero o cristianismo adaptouna ás súas costumes e modificou o concepto. Xa hai referencias escritas de procesións de mortos desde o século XIII, na Idade Media (que é a etapa histórica que celebramos este ano no colexio). Foi máis tarde, no século XIX coa chegada do Romanticismo, cando máis se falou delas. Pero aínda hoxe en algúns lugares de Galicia, se mantén a crenza nestas procesión das almas en pena.
A Compaña é o exército antigo dos mortos, que buscan o seu lugar no outro mundo. Os defuntos de cada parroquia responden á chamada do que leva máis tempo enterrado, érguense da tumba, entran na igrexa a recoller o que precisan e ás doce da noite, puntualmente, bótanse a andar. Dan voltas arredor do adro, cantando en latín ou cousa semellante. De seguido fan o percorrido dos enterros polos camiños ou corredoiras, dispostos en dúas ringleiras, cubertos cun sudario branco e descalzos. Tódolos membros da comitiva portan candeas acendidas. A figura esencial é o portador da cruz, que é un vivo. Este vivo ten que andar toda a vida que lle resta coa Compaña, a non ser que consiga desfacerse dela pasándolla a outro vivo. Esta persoa comeza a poñerse fraco, triste, séntese sempre mal, adquire a cor dos defuntos, e non tarda en morrer.
Van en silencio ou tocando campaíñas. Tamén poden ir laiando con grandes berros polas súas mágoas. Ás veces van visitar as casas dos que morrerán axiña, e mesmo poden levar un cadaleito que deixarán na porta como aviso de morte.
O paso das ánimas nótase por un rumor como o do vento, polo cheiro a cera e polo desacougo ou medo que se sente... Sempre representa un perigo para quen bate con ela ou quen a ve, aínda que estea lonxe. O que se atopa coa Santa Compaña, para evitar a súa maldición, debe debuxar un círculo no chan e meterse dentro del, botarse no chan boca abaixo ou fuxir correndo.

(Imaxe baixada de internet)


Non esquezades que é unha lenda, e as lendas só existen para quen cre nelas.





Se queredes ver unha foto da verdadeira Santa Compaña, mirade aquí.

Picando aqui podedes ver un curto galego dirixido por Pablo Cacheda Paz. Tivemos que "censurar" un chisco a película para adaptala ó público infantil. Pedimos desculpas ó director e ós actores. 

15 ene 2013

COMEZOS E FINAIS DE CONTOS DIVERTIDOS



(Imaxe baixada de internet)
Na clase de 6ºA estamos a traballar os comezos e finais de "contos locos".
Esperamos que vos gusten.

Principios:

Na casa do rei
onde tola quedei
onde os corvos bailan
e as bonecas falan...  Erika.

O conto vai empezar
así que pechade os ollos
e poñédevos a escoitar...   María.

O conto vai empezar
así que escoitar
e... ¡imaxinar!... Patricia.

Finais:

...e colorín colorado
este conto está pechado
cunha chave gardada
na ponte dunha fada.   Paula.

...e colorín colorado
este conto por fín rematado
quedou recordado
e foi moi animado. María.

...e colorín colorado
todo o mundo xa calado
e se ninguén fala
outro conto narra.  Erika.

Son os que máis nos gustaron a nós de todos os que fixemos na clase.

Gustaríanos que fagades con eles contos completos. Fáltanlles o nó (¿que sucede?...), e que vos sirva de axuda o que nós fixemos. Unha aperta dos alumnos de 6ºA.