![]() |
(Imaxe baixada de internet) |
Aquí tedes unha lenda moi popular da cultura tradicional galega.
Esta é a versión máis coñecida das moitas que existen.
Santa Compaña, Procesión das ánimas, Hoste,
Estandiga, Estadea, As da Noite, Antaruxada, Visita, Visión, Xaira, etc. As
denominacións varían segundo a zona xeográfica. A Compaña pode ser moitas
cousas, pero santa… abofé que non. A súa orixe é pagá (non relixiosa), pero o cristianismo adaptouna
ás súas costumes e modificou o concepto. Xa hai referencias escritas de procesións
de mortos desde o século XIII, na Idade Media (que é a etapa histórica que
celebramos este ano no colexio). Foi máis tarde, no século XIX coa chegada do
Romanticismo, cando máis se falou delas. Pero aínda hoxe en algúns lugares de
Galicia, se mantén a crenza nestas procesión das almas en pena.
A Compaña é o exército antigo dos mortos, que
buscan o seu lugar no outro mundo. Os defuntos de cada parroquia responden á
chamada do que leva máis tempo enterrado, érguense da tumba, entran na igrexa a
recoller o que precisan e ás doce da noite, puntualmente, bótanse a andar. Dan
voltas arredor do adro, cantando en latín ou cousa semellante. De seguido fan o
percorrido dos enterros polos camiños ou corredoiras, dispostos en dúas ringleiras,
cubertos cun sudario branco e descalzos. Tódolos membros da comitiva portan candeas acendidas. A figura esencial é o portador da cruz, que é un vivo. Este
vivo ten que andar toda a vida que lle resta coa Compaña, a non ser que consiga
desfacerse dela pasándolla a outro vivo. Esta persoa comeza a poñerse
fraco, triste, séntese sempre mal, adquire a cor dos defuntos, e non tarda en morrer.
Van en silencio ou tocando campaíñas. Tamén
poden ir laiando con grandes berros polas súas mágoas. Ás veces van visitar as
casas dos que morrerán axiña, e mesmo poden levar un cadaleito que deixarán na
porta como aviso de morte.
O paso das ánimas nótase por un rumor como o do vento, polo cheiro a
cera e polo desacougo ou medo que se sente... Sempre representa un perigo para
quen bate con ela ou quen a ve, aínda que estea lonxe. O que se atopa coa Santa
Compaña, para evitar a súa maldición, debe debuxar un círculo no chan e meterse
dentro del, botarse no chan boca abaixo ou fuxir correndo.
![]() |
(Imaxe baixada de internet) |
Non esquezades que é unha lenda, e as lendas só existen para quen cre nelas.
Se queredes ver unha foto da verdadeira Santa Compaña, mirade aquí.
Picando aqui podedes ver un curto galego dirixido por Pablo
Cacheda Paz. Tivemos que "censurar" un chisco a película para
adaptala ó público infantil. Pedimos desculpas ó director e ós actores.